Friday 20 de September de 2024

O Concello de Lousame e a Consellería e Educación asinarán un convenio de colaboración para substituir a cuberta do polideportivo Pilar Barreiro Senra


 

Anunciouno a conselleira de Educación, Carmen Pomar, nunha visita ás instalacións do CPI Cernadas de Castro, usuarios desas instalacións

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CPI Cernadas de Castro (Lousame) onde anunciou a próxima sinatura dun convenio de colaboración co Concello de Lousame para a substitución da a cuberta do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, empregado pola comunidade escolar. Nunha visita ao centro con responsables do seu departamento, na que estivo acompañada pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e pola concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo, Pomar explicou que o convenio “está a punto de pecharse” e destacou que a obra permitirá unha considerable mellora das condicións para a práctica de exercicio físico por parte do alumnado.
Pola súa banda, a alcaldesa lousamiá agradeceu a atención da Consellería ao atender as peticións do Concello e do conxunto da comunidade escolar, amosando a súa satisfacción pola confirmación por parte da conselleira dun investimento tan necesario. Villaverde agarda que o proxecto poida licitarse a principios do vindeiro ano 2019.
Carmen Pomar sinalou que esta nova obra sumarase a outras melloras de infraestruturas acometidas nos últimos anos no que é o único centro escolar de Lousame, con máis de 300 alumnos de infantil, primaria e ESO. Son destacables a substitución da cuberta do centro e a construción dunha nova cuberta exterior. En total, as obras efectuadas no colexio suman 340.000 euros.
Referente na incorporación de programas educativos
A conselleira de Educación considera o CPI Cernadas de Castro un referente na incorporación de programas educativos impulsados desde a Consellería. O centro implanta por primeira vez este ano o programa E-dixgal, de educación dixital, para 5º curso de primaria. Ademais é centro plurilingüe desde o curso 2016-17 (para o cal conta cun auxiliar de conversa) en ESO e dispón dunha sección bilingüe.
Cómpre salientar tamén a súa participación noutros proxectos impulsados pola Consellaría e xa consolidados, como o Plambe (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares) e os Clubs de Lectura, a través dos cales se trata de implicar o conxunto da comunidade educativa. Estas iniciativas xogan un papel esencial no afianzamento do hábito lector e na aprendizaxe de competencias clave. Son, ademais, espazos de convivencia e de desenvolvemento de habilidades sociais e comunicativas.
Así mesmo, a través dos contratos-programa, o CEIP de Lousame está a realizar accións específicas en liñas como a mellora das competencias clave, da convivencia, da promoción da igualdade nos centros e do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.
Outro dos aspectos máis salientables é a participación nos Plans de Formación Permanente do Profesorado (PFPP). Así, co proxecto específico sobre “Escola inclusiva e atención á diversidade” traballáronse técnicas de aprendizaxe cooperativa co fin de mellorar a coordinación docente.